Publicado o 24 de Marzo de 2025
A Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña (UDC) acolleu os días 21 e 22 de marzo un encontro de carácter anual que reuniu directores/as dos Departamentos de Proxectos Arquitectónicos das 14 Escolas de Arquitectura das universidades públicas españolas.
O encontro contou coa participación de 15 responsables académicos, entre directores/as de departamento e coordinadores/as de área, aos que se sumaron 4 participantes en liña a través de Teams.
Durante dúas intensas xornadas, abordáronse cuestións clave para o presente e o futuro da docencia e da investigación no ámbito do proxecto arquitectónico.
O programa incluíu relatorios sobre a avaliación da investigación por parte da ANECA, a situación do profesorado asociado coa nova LOSU, a mobilidade do alumnado no Máster Habilitante en Arquitectura, así como propostas para a creación dunha revista científica especializada. Tamén se debateu a valoración do proxecto arquitectónico nos concursos públicos, e sentáronse as bases para a constitución da Conferencia de directores/as de Departamentos de Proxectos como órgano de representación institucional.
O encontro rematou cun acordo xeralizado arredor dos temas tratados, destacando a necesidade de establecer criterios comúns na docencia do proxecto, visibilizar a especificidade da investgación proxectual e consolidar unha rede colaborativa entre os departamentos de proxectos arquitectónicos de todo o país.
A coordinación do encontro estivo a cargo do profesor Cristóbal Crespo, director do DPAUC, e do profesor Juan I. Prieto, coordinador da área de Proxectos Arquitectónicos.
Este foro reforza o compromiso das universidades públicas coa mellora contínua do ensino da arquitectura e co impulso á investigación dende unha perspectiva integradora e transversal.
Máis novas
Os Encontros sobre patrimonio construído nacen da colaboración entre a Escola Técnica Superior de Arquitectura […]