Publicado o 12 de Xuño de 2026
O Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Universidade da Coruña emite a seguinte declaración sobre a situación do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC):
A Coruña, 10 de xuño de 2026
O Centro Galego de Arte Contemporánea é unha das institucións culturais máis relevantes de Galicia. Inaugurado en 1993 no emblemático edificio deseñado por Álvaro Siza, o CGAC naceu coa vocación de ser un referente no ámbito estatal e internacional. Ao longo de máis de tres décadas, consolidouse como un espazo de encontro para a creación e a investigación.
O Departamento de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición da Escola Técnica Superior de Arquitectura expresa a súa profunda preocupación polo proceso que culminou, o 20 de maio de 2026, na resolución da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude pola que se nomea nova dirección do CGAC.
O noso malestar diríxese contra un procedemento que, ao noso xuízo, non garante os estándares de mérito, capacidade e transparencia que require a dirección dun centro desta natureza. A decisión de convocar a praza mediante libre designación entre funcionariado de carreira supuxo, na práctica, excluír á maioría das persoas profesionais cunha traxectoria relevante neste ámbito. Máis alá desta restrición estrutural, cremos que o proceso careceu das garantías necesarias: non se fixeron públicos os criterios de selección, a composición da comisión avaliadora, a identidade das candidaturas nin os proxectos presentados.
A dimisión de tres dos cinco vogais do Consello Asesor do CGAC constitúe, por si soa, unha expresión do desacordo suscitado polo proceso de selección. A isto engádese o pronunciamento da Asociación de Directoras e Directores de Arte Contemporáneo (ADACE), que cualificou o perfil da persoa designada de insuficiente para un cargo desta responsabilidade, así como o da Mesa Sectorial da Arte Contemporánea. Nunha declaración conxunta, o ICOM España e o Comité Internacional para Museos e Coleccións de Arte Moderna (CIMAM) lembraron que «a dirección dun museo non é unicamente un posto administrativo» e instaron á Xunta a restaurar «os principios de profesionalización, transparencia e excelencia que deben rexer a dirección dun museo público». Na mesma liña, a Real Academia Galega de Belas Artes sinalou no seu comunicado que a dirección do CGAC «require un perfil de altísima especialización».
Compartimos a inquietude xa manifestada polo Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo e por un amplo sector da cultura galega e estatal expresado no manifesto «Se afunde, é porque pesa: SÓS CGAC», impulsado pola Asociación Cultural Vegliota e asinado por máis de 1.600 profesionais, entre eles o director do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía.
Como departamento universitario comprometido coa arquitectura entendida como práctica creativa e de pensamento crítico, o CGAC non nos é alleo: é un espazo de investigación e de reflexión cuxo futuro nos interpela. Como institución cultural pública, debe responder aos estándares de excelencia e autonomía que a cidadanía ten dereito a esixir.
Instamos á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia a que reconsidere esta decisión e habilite un novo proceso de selección aberto, público e baseado no Documento cero do sector da arte contemporánea —Boas Prácticas nos Museos e Centros de Arte, asinado en 2007 polo Ministerio de Cultura—. Só así poderá o CGAC seguir exercendo a función que lle é propia: a de centro de referencia, autónomo e rigoroso, ao servizo da sociedade galega.