Publicado o 16 de Novembro de 2021
Os profesores do departamento Guadalupe Piñera, Jesús Irisarri, Enrique Blanco e Patricia Sabín, xunto a Joaquín Martín Sánchez, resultaron gañadores do concurso de ideas convocado pola Universidade da Coruña para o deseño do novo edificio Centro de Investigación TIC-Intelixencia Artificial (CITIC-IA) na Cidade das TIC, que se ubicará nas instalacións da antiga Fábrica de Armas, coa proposta GAIA0101.
Santiago Barge, tamén profesor do departamento, en colaboración con Mª Belén Bouza e Guillermo Lozano obtivo o segundo premio, coa proposta TICA0021.
O edificio que se situará na Cidade das TIC será un centro de I+D+i denominado CITIC IA. Ocupará unha superficie inicial de 6.500 metros cadrados construídos, pero o edificio debe contemplar a posibilidade de crecemento ao dobre da súa superficie. A premisa do deseño era realizar unha construción que poida resistir as incidencias do tempo, de doado mantemento e coa sustentabilidade do edificio e do seu contorno como prioridade.
O proxecto gañador crea un espazo multiuso colectivo de transferencia de coñecemento, o foro, espazo de grada que posa o edificio no lugar e que cose a paisaxe ás dúas cotas que presenta a parcela, activando e incorporando a natureza á arquitectura, segundo describe a proposta. Os espazos comúns, de exposicións, etc. funcionan como un atrio ao que se abren os atrios en altura que conforman os espazos sociais, de roce entre investigadores, e que se abren inxerindo o interior do parque que o circunda. Respondendo á organización social contemporánea, o proxecto engade ao programa un espazo de conciliación no andar baixo, con acceso directo ao xardín. A proposta artéllase arredor de oito plantas e un baixo cuberta que acollerá un xardín de inverno.
Máis novas